Últimas noticias
Aninovo
1 enero 2011Comeza un novo ano. Como é tradición, hai miles de bos propósitos e proxectos que un quere desenvolver, iniciar, afondar ou rematar ó longo dos 12 meses que se aveciñan. E, como é costume, rímonos autoirónicamente sabendo que, como ten que ser, non cumpriremos apenas nada para que o seguinte fin de ano poidamos manter viva esta tradición de ineficiente ambición.
Eu, enrevesadiño e particularmente meu coma Deus me dá, non teño novos proxectos nin grandes propósitos para o 2011. Só un propósito perfectamente asumible, mesurable e consolidable: ser un pouquiño máis constante e vivir cos ollos un pouco máis abertos a canto me rodea.
Se fago iso o ano virá cheo de novidades, de sorpresas, de compromisos, de sacudidas sísmicas nas columnas da miña vida. ¿A que parece sinxelo?
Creo que o vou conseguir. E non digo 'creo' como dicindo que 'penso' que podo ser quen de facelo. Non. Digo 'creo' dicindo que 'teño fe', 'estou convencido', 'amén'. Vou ser máis veces eu mesmo. Teño a sensación (ou tal vez o anhelo) de que ó longo deste ano - a partir deste ano, debería dicir máis ben - chega o momento de ir recollendo os froitos sementados e madurados ata agora. Non sei se é un espexismo, se tal vez pode ser un momento de sorprendente madurez e serenidade, unha ficticia imaxe de vida adulta que me dou a min mesmo diante desta pantalla neste intre determinado, pero sinto que é a hora de ir erguendo o edificio da miña persoa despois de tantos anos cimentando e asentando os piares.
Non creo que o reparto das miñas horas de actividades, os pasos concretos do día a día, a música e o ceo que me envolven vaian cambiar. Pero si creo que son eu quen o está facendo e síntome sereno, tranquilo, orgulloso e feliz por iso.
2011... aquí estou.
Comentarios
Nuevo comentario